usuario

contraseña

 

| Olvidé mi contraseña

| Alta de nuevo usuario

 

sala de prensa

 

Javier Guerra anuncia en Baiona que Economía e Industria xa ten preparada a orde que regulará o emprego da enerxía xeotérmica en Galicia

21/05/2010


O conselleiro de Economía e Industria, que comprobou nunha visita á Galiña Azul da localidade o funcionamento da bomba de calor xeotérmica instalada na escola infantil, apuntou que esta normativa situará a Galicia á vangarda da eficiencia e do aforro enerxético

O conselleiro sinalou que a escola infantil de Baiona ten acadado unha redución de emisións de CO2 de máis de 24 toneladas ao ano e un aforro económico na factura enerxética do 74,1%, que en cifras supón un aforro de 4.200 euros anuais

O impulso á enerxía xeotérmica por parte da Consellería de Economía e Industria permitirá a Galicia apuntalar o seu liderado no sector das enerxías renovables, e repercutirá dun xeito beneficioso para os galegos, posto que se calcula que esta tecnoloxía pode xerar un aforro anual moi superior ao 50%


O conselleiro de Economía e Industria afirmou hoxe en Baiona que a Xunta, na procura de novos patróns que proporcionen unha menor dependencia no consumo de combustibles fósiles e un maior desenvolvemento das enerxías limpas, ten xa preparada a orde que regulará o emprego da enerxía xeotérmica no noso territorio e que situará a Galicia á vangarda da eficiencia e do aforro enerxético.

Esta normativa, explicou Javier Guerra, “forma parte das accións encamiñadas a converter a Galicia nun referente no eido da eficiencia enerxética, e conforma un dos pasos prioritarios a desenvolver para un axeitado posicionamento do sector” logo do definitivo impulso proporcionado pola Consellería de Economía e Industria ao nacemento e posta en funcionamento da primeira Asociación Clúster da Xeotermia Galega (Acluxega), un colectivo de carácter pioneiro tanto en Galicia como en España.

Así o asegurou o propio conselleiro no transcurso dunha visita á Galiña Azul de Baiona, na que estivo acompañado polo alcalde da localidade, Jesús Vázquez Alumuiña, e a directora de Energylab, Elena González. Este centro, xunto con outras instalacións escollidas pola Consellería de Economía e Industria e Energylab na provincia de Pontevedra, foi un dos elixidos para a instalación demostrativa do funcionamento da bomba de calor xeotérmica dentro dun proxecto que, cun orzamento de 1 millón de euros, está a permitir a recollida de datos que apuntan aos beneficios evidentes desta tecnoloxía.

Con todas estas actuacións, o Goberno da Xunta, da man da Consellería de Economía e Industria, e coa colaboración de Energylab, pretende eliminar as posibles barreiras que esta tecnoloxía poida ter e impulsar en Galicia o seu desenvolvemento como aposta de futuro perante unha sociedade que demanda, cada vez máis, tecnoloxías eficientes e limpas co medioambiente.

Javier Guerra apuntou que con proxectos como o de Baiona “queremos demostrar que as enerxías limpas son rendibles e que, ademais, a instalación deste novo sistema de bombas de calor xeotérmicas ten mellorado considerablemente as condicións nas que os 85 cativos, menores de 3 anos, e mais as súas 10 mestras desenvolven a súa actividade educativa nesta escola”.

O conselleiro sinalou que a escola infantil de Baiona ten acadado unha redución de emisións de CO2 en máis de 24 toneladas ao ano e un aforro económico na factura enerxética do 74,1%, que en cifras supón un aforro de 4.200 euros anuais, polo que a Galiña Azul rebaixa a súa factura dos 6.000 euros ao ano en gastos de consumo enerxético aos 1.800 euros anuais.

Javier Guerra salientou que a nova regulamentación, a primeira en organizar un sector chamado a ser referente no futuro inmediato, vai encamiñada a dotar a Galicia dun marco normativo básico para poder desenvolver todas as posibilidades de captación e utilización da enerxía térmica do terreo co obxectivo de que poida ser empregada en diversos tipos de aplicacións (calefacción, climatización, Auga Quente Sanitaria) no sector da vivenda e en todo tipo de edificios.

O impulso á enerxía xeotérmica por parte da Consellería de Economía e Industria permitirá a Galicia apuntalar o seu liderado no sector das enerxías renovables, e repercutirá dun xeito beneficioso para os galegos, posto que se calcula que esta tecnoloxía pode xerar un aforro anual moi superior ao 50% en comparación con outros sistemas enerxéticos en vivendas unifamiliares e en edificios de vivendas, ademais de supoñer unha drástica redución de emisións de CO2 á atmósfera.

Fuente:

Xunta de Galicia

Enviar esta noticia a un amigo

« Volver al listado

 
ENERGYLAB, CENTRO TECNOLÓGICO DE EFICIENCIA Y SOSTENIBILIDAD ENERGÉTICA
Edificio CITEXVI, Local 1 R/ Fonte das Abelleiras, s/n
Campus Universitario de Vigo 36310 Vigo
Tel. 986 120 450