usuario

contrasinal

 

| Esquecín o meu contrasinal

| Alta de novo usuario

 

sala de prensa

 

A Xunta prevé un aforro enerxético de 568.000 euros diarios ata o 2016

08/11/2010


Investirá máis de 500 millóns nun plan que promoverá cambios en empresas, cidades e edificios públicos.

A eficiencia no consumo pasará a ser un dos aspectos máis valorados nos concursos públicos.


Un aforro enerxético de 1.037 millóns en cinco anos. Ou o que é igual, 568.000 euros diarios de «maior eficiencia» ata xaneiro do 2016. Ese é o obxectivo do novo plan enerxético que a Consellería de Economía e Industria ten case pechado e preparado para a súa presentación nas próximas semanas.

O aforro será similar a deixar de consumir cada día 548 toneladas equivalentes de petróleo (ktep). En total, en cinco anos, Galicia deixaría de utilizar un millón de toneladas equivalentes de petróleo, coa eficiencia ambiental que supón evitar as emisións correspondentes a este consumo. Dos 1.037 millóns de aforro, 977 anotaríanse pola rebaixa enerxética e outros 60 habería que sumalos polo dióxido de carbono que deixaría de emitirse á atmosfera.

Canto custa chegar a ese obxectivo? O intento da Xunta incluirá un investimento directo de 568 millóns entre o 2011 e o 2015. Deles, 145 (un 25% do total) serán axudas económicas para o fomento do aforro e a eficiencia enerxética. Este gasto da Xunta concretarase nun plan que incluirá medidas específicas para as Administracións públicas e para os sectores industrial, primario, de servizos, doméstico e do transporte. En paralelo, o proxecto arrancará con actuacións definidas como «de ámbito global» que incluirán campañas informativas para o fomento de aforro e a eficiencia, formación, asesoramento a institucións públicas e privadas, participación en proxectos europeos e planificación de infraestruturas enerxéticas.

Que escenario e que cambios espera a Xunta? O primeiro reto será predicar co exemplo. A partir do 2011, Industria confía en cambiar a mentalidade de concellos, deputacións e da propia Administración autonómica. O novo modelo imaxina dende microxeracións eléctricas nos edificios públicos máis significativos, ata proxectos piloto para crear redes urbanas de distribución de calor. Dende o ano próximo, en todos os concursos públicos se intentará que as propostas de eficiencia enerxética sexan un dos aspectos máis valorados para as adxudicacións. Realizaranse auditorías na rede de iluminación pública, e haberá axudas para substituír equipos obsoletos, semáforos e tendidos de iluminación. A intención é incorporar en todos eles tecnoloxías de baixo consumo.

Para as industrias, a Xunta aposta por crear no organigrama directivo dun novo posto que tería carácter estratéxico: o de coordinador enerxético. Proponse a realización de auditorías e a implantación de novos sistemas de xestión para minorar consumos.? Dende a consellería impulsaranse novos estudos sectoriais, proxectos de demostración sobre tecnoloxías innovadoras e haberá axudas para investimentos en equipos que usen tecnoloxías de alta eficiencia, ademais de incentivar a formación e contratación de técnicos.

Barcos híbridos

No sector primario, os cambios tamén se antollan profundos. Industria márcase o reto de introducir os primeiros barcos alimentados con tecnoloxía híbrida para a frota pesqueira. Ou a incorporación de centrais de coxeración en explotacións gandeiras ou invernadoiros. Están previstas campañas de promoción e formación para novas técnicas de eficiencia na agricultura, ou auditorías para a mellora nas explotacións agrarias e barcos, e asesorías enerxéticas para cooperativas agrícolas, gandeiras ou pesqueiras.

Fonte:

La Voz de Galicia

Enviar esta noticia a un amigo

« Volver ao listado

 
ENERGYLAB, CENTRO TECNOLÓXICO DE EFICIENCIA E SUSTENTABILIDADE ENERxÉTICA
Edificio CITEXVI, Local 1 R/ Fonte das Abelleiras, s/n
Campus Universitario de Vigo 36310 Vigo
Tel. 986 120 450