usuario

contrasinal

 

| Esquecín o meu contrasinal

| Alta de novo usuario

 

sala de prensa

 

UE, edificios de enerxía cero para 2019

05/05/2009


A Eurocámara pronunciouse o pasado 23 de abril sobre a revisión da directiva que regula o rendemento enerxético dos edificios.



Os deputados esixen que todos os inmobles construídos a partir de 2019 produzan a mesma cantidade de enerxía que consumen, mediante paneis solares, bombas de calor e outros métodos ligados ás enerxías renovables. Ademais, piden incrementar o investimento público na eficiencia enerxética dos edificios.

O informe da socialista romanesa Silivia-Adriana TICAU -aprobado por 549 votos a favor, 51 en contra e 26 abstencións- concede de prazo aos Estados membros ata o 31 de decembro de 2018 para asegurarse de que todos os edificios de construción recente teñan un consumo enerxético neto cero, é dicir, que produzan tanta enerxía como consumen. Para iso, propón utilizar mecanismos como paneis solares ou bombas de calor.

Os deputados tamén piden aos Estados membros que establezan obxectivos intermedios nacionais para os edificios existentes, por exemplo, fixando unha porcentaxe mínima de edificios que deberían ser de enerxía cero en 2015 e 2020.

No texto aprobado, defínense os edificios de enerxía cero como construcións "nas que, como resultado do alto nivel de eficiencia enerxética, o consumo anual de enerxía é igual ou menor cá produción enerxética procedente de fontes renovables" situadas na propia edificación. Segundo o informe, a finais de 2010 a Comisión debería introducir unha definición común europea dos "edificios de enerxía cero".

Apoio financeiro

Os deputados emprazan aos países da UE a que, como moi tarde o 30 de xuño de 2011, presenten plans de acción nacionais que introduzan instrumentos financeiros destinados a mellorar a eficacia enerxética dos edificios, como hipotecas a baixo interese, facilidades fiscais ou pedindo aos subministradores de enerxía que ofrezan asistencia financeira aos consumidores.

Ademais, a Comisión debería propoñer antes do 30 de xuño instrumentos financeiros adicionais, como:

* un incremento significativo da partida do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional dedicada a medidas de eficiencia enerxética;
* o establecemento, para 2014, dun Fondo de Eficiencia Enerxética financiada polo orzamento comunitario, o Banco Europeo de Investimentos e os Estados membros, para promover o investimento público e privada en proxectos que fomenten a eficiencia enerxética dos edificios;
* reducións no IVE dos bens e servizos ligados á eficiencia enerxética e as enerxías renovables.

Actualización do rendemento enerxético dos edificios

Os edificios deberán adaptarse para cumprir uns requisitos mínimos de rendemento enerxético, xa sexa por medio dunha "renovación profunda" ou mediante a substitución / instalación de compoñentes como as ventás, os quentadores ou os sistemas de aire acondicionado.

Os deputados definen unha "renovación profunda" como unha adaptación de máis do 25% da superficie do edificio ou na que o custo total ascende a máis do 20% do valor do inmoble.
Segundo o informe, os Estados membros serán os encargados de establecer os requisitos mínimos de rendemento enerxético. Non obstante, a Comisión terá de prazo ata o 31 de marzo de 2010 para deseñar unha metodoloxía común de cálculo do rendemento dos edificios.

Vivendas vacacionais, tamén incluídas.

Os deputados cren que os países da UE deberían introducir uns niveis mínimos de rendemento enerxético tamén para as vivendas vacacionais utilizadas menos de catro meses ao ano. Polo tanto, a comisión parlamentaria rexeita a excepción proposta para estas casas polo Executivo europeo.

As seguintes edificacións deberían estar excluídas da directiva: as casas pequenas (de menos de 50 m2), os edificios dedicados a actividades relixiosas, as construcións temporais utilizadas durante menos de 18 meses, os edificios destinados á agricultura e os grupos de traballo con pouca demanda enerxética e, finalmente, os edificios históricos aos que as medidas de eficiencia enerxética "cambiarían a aparencia".

Contadores inteligentes

A Eurocámara considera necesario instalar contadores intelixentes en todos os edificios novos e os que estean a ser sometidos a unha profunda renovación. Os contadores intelixentes miden o consumo enerxético e as horas do día nas que este se incrementa.

Fonte:

iSon21

Enviar esta noticia a un amigo

« Volver ao listado

 
ENERGYLAB, CENTRO TECNOLÓXICO DE EFICIENCIA E SUSTENTABILIDADE ENERxÉTICA
Edificio CITEXVI, Local 1 R/ Fonte das Abelleiras, s/n
Campus Universitario de Vigo 36310 Vigo
Tel. 986 120 450