usuario

contrasinal

 

| Esquecín o meu contrasinal

| Alta de novo usuario

 

sala de prensa

 

Energylab desenvolve barcos con motores eléctricos e hidróxeno

15/07/2011


Energylab desenvolve barcos con motores eléctricos e hidróxeno. Investigan o seu uso en veleiros e farán un prototipo de pesqueiro por encarga da Xunta. Barcos que incorporan motores eléctricos e que substitúen os combustibles fósiles polo hidróxeno, co obxectivo de reducir as emisións contaminantes, navegar en silencio e manter a súa autonomía.

É unha das novidosas liñas de avance tecnolóxico na que traballa o Centro tecnolóxico de Eficiencia e Sostibilidade Enerxética, Energylab, con sede no edificio Citexvi del Campus de Vigo. Os investigadores Mario Iglesias e Carlos Gutiérrez están á fronte destes proxectos.
O proxecto "Hydrovela" acolleuse ao Plan Incite de la Xunta e trata de desenvolver un veleiro híbrido (eléctrico e hidróxeno), segundo explica o investigador Mario Iglesias. Propúxoo Energylab, que asinou para iso un convenio co departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo.
Os investigadores van realizar unha simulación matemática do veleiro e centraranse na viabilidade técnica do produto.
Queda para o futuro unha ampliación do proxecto para estudar a súa aplicabilidade na práctica e esperan que poida desenvolverse na Comunidade Autónoma galega, tendo en conta o volume de veleiros que existen e as rías.
Actualmente, estase a traballar nun barco similar en Francia e existen distintas patentes en Estados Unidos e en China, pero aínda non existe ningún veleiro destas características navegando.
A diferenza dos coches, o peso das baterías é unha vantaxe nun barco porque resulta útil para equilibrar forzas. O veleiro non cambiaría a súa fisionomía e tería a mesma autonomía que un convencional (navegan 40 ou 50 millas), ademais de reducir as emisións, unha cuestión que en Galicia preocupa especialmente aos xestores do parque nacional Illas Atlánticas, e de navegar en silencio.

Un prototipo de pesqueiro

Energylab traballa así mesmo nun segundo proxecto para a reforma dun buque pesqueiro, que consiste en substituír un motor convencional por un motor eléctrico híbrido (baterías e hidróxeno), segundo indica Carlos Gutiérrez, pero nunha fase máis avanzada, "demostrativa" como din os investigadores, posto que se construirá o motor e poñerase nun barco real.

Este proxecto lévase a cabo tras a firma dun convenio coa Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Xunta de Galicia que estaba interesada en promover un desenvolvemento tecnolóxico relevante para o sector da pesca polo seu calado no PIB galego e que estivese orientado cara á eficiencia e sostibilidade enerxética.
A partir de aí naceu a proposta técnica de Energylab, que está pensada para barcos pesqueiros de 12 metros de eslora e 5 de manga, nos que se engloba o 80% da frota galega matriculada.
Unha das diferenzas co proxecto do veleiro é que neste último tamén se xera enerxía eléctrica, mentres que o pesqueiro se cargaría en porto.

Participan nun proxecto de frío solar da carlos III

Energylab desenvolve numerosos proxectos para empresas privadas e para institucións públicas de toda España. Un destes proxectos ten que ver coa xeración de "frío solar", que promove a Universidade Carlos III e ao que se sumaron coa súa participación nun módulo denominado "Análise de viabilidade e posicionamento dunha nova tecnoloxía de máquina de absorción en combinación con captación solar térmica para climatización". Trátase de mellorar unha técnica para aproveitar a calor que sobra dos paneis solares para producir frío mediante un proceso químico. A eles correspóndelles estudar a aplicabilidade real, técnica e económica, desta tecnoloxía, deseñada para instalacións grandes como edificios residenciais, piscinas, servizos públicos ou industrias.
Outros proxectos en activo son a instalación dunha planta piloto de biogás nunha explotación gandeira, que realizan para a Xunta de Galicia, un estudo de eficiencia enerxética en sistema de iluminación de escaparates en colaboración coa Universidade de Vigo e Inditex, un proxecto para a fábrica de PSA para a recarga de vehículo eléctrico mediante xeración con enerxías renovables (minieólica-fotovoltaica), monitorización de instalacións de bomba de calor xeotérmica e unha longa lista de proxectos relacionados coa eficiencia enerxética.


DESCARGARDESCARGAR

Fonte:

ATLANTICO DIARIO

Enviar esta noticia a un amigo

« Volver ao listado

 
ENERGYLAB, CENTRO TECNOLÓXICO DE EFICIENCIA E SUSTENTABILIDADE ENERxÉTICA
Edificio CITEXVI, Local 1 R/ Fonte das Abelleiras, s/n
Campus Universitario de Vigo 36310 Vigo
Tel. 986 120 450