usuario

contrasinal

 

| Esquecín o meu contrasinal

| Alta de novo usuario

 

sala de prensa

 

ECONOMÍA E INDUSTRIA APOIA UN PLAN DE DESENVOLVEMENTO DA ENERXÍA XEOTÉRMICA A PROL DO LIDERADO GALEGO NO EIDO DAS ENERXÍAS LIMPAS

14/11/2009


- A Consellería de Economía e Industria financia un proxecto demostrativo, que consiste na instalación de bombas de calor xeotérmicas en escolas infantís, vivendas, a Biblioteca Central da Universidade de Vigo e o centro de saúde das Neves, co que se aforrarán anualmente 28.500 € no consumo duns 269.000 KWh e na emisión de 93 toneladas de CO2 á atmosfera

- O acordo entre a Xunta e Energylab, financiado con 1 millón de euros, inscribese dentro das políticas de apoio da Consellería de Economía e Industria ás enerxías renovables en Galicia, e inclúe a elaboración dun estudo da implantación da enerxía xeotérmica

- A substitución dos actuais equipos xeradores térmicos nas escolas infantís, centros de saúde e bibliotecas públicas de Galicia por sistemas de bomba de calor xeotérmica, terían uns efectos equivalentes ao CO2 absorbido por unha superficie arboredo do tamaño duns 13 campos de fútbol como o estadio de Balaídos



Vigo, 13 de novembro de 2009.- O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, e a directora de Energylab, Elena González, asinaron hoxe un convenio de colaboración en virtude do cal a Xunta achegará 1 millón de euros para a instalación de tecnoloxía xeotérmica en diferentes edificios, coa finalidade de impulsar o liderado de Galicia no eido das enerxías renovables. Este proxecto demostrativo consiste na instalación de bombas de calor xeotérmicas en escolas infantís, vivendas, a Biblioteca Central da Universidade de Vigo e o centro de saúde das Neves, co que se estiman uns aforros anuais de 28.500 € no consumo de aproximadamente 269.000 KWh e na emisión de 93 toneladas de CO2 á atmosfera.

Está iniciativa inscríbese dentro das políticas que está a desenvolver o Goberno da Xunta na busca novos patróns enerxéticos que proporcionen unha menor dependencia do consumo de combustibles fósiles e sitúen a Comunidade galega á vangarda do desenvolvemento, produción e uso das enerxías renovables. Ademais, a Consellería de Economía e Industria apoia as novas tecnoloxías orientadas a aumentar a eficiencia enerxética para que os custos da súa implantación non supoñan unha barreira no seu desenvolvemento e uso.

Segundo explicou Javier Guerra, este acordo inclúe a elaboración dun estudo da implantación da enerxía xeotérmica en Galicia coa finalidade de demostrar a rendibilidade do uso deste tipo de enerxías limpas, tendo en conta que no caso de que se implantase tecnoloxía xeotérmica en todas as escolas infantís, centros de saúde e bibliotecas públicas de Galicia se podería acadar un aforro enerxético de 95.725 MWh /ano, que se traduciría nun aforro económico duns 10 millóns no consumo de electricidade, ao mesmo tempo que se impediría a emisión á atmosfera de 52.000 toneladas/ano de CO2; unhas cifras equivalentes ao CO2 absorbido por unha superficie arboredo do tamaño duns 13 campos de fútbol como o estadio de Balaídos e ao consumo anual de enerxía dunhas 23.000 familias.



O proxecto comezará pola implantación destas tecnoloxías de producción enerxética mediante a instalación de bombas de calor xeotérmicas (BGC) nas escolas infantís de Nigrán e Baiona, unha iniciativa que traerá consigo a formación do persoal usuario, co obxectivo de realizar un bo uso da BCG e dese xeito aumentar o confort en ambas escolas, coa posibilidade de manter a temperatura da instalación constante todos os días da semana, evitando os picos de principios de semana.

Outros proxectos financiados ao abeiro deste convenio contemplan instalacións de BGC na Biblioteca da Universidade de Vigo, o que suporá a institución un aforro de 9.500 euros ano na factura enerxética, deixando de emitir á atmosfera 34 toneladas de CO2 ao ano. Do mesmo xeito, outro dos edificios onde se porá en marcha esta iniciativa é o centro de saúde das Neves, que suporá un aforro anual de 3.000 euros e de 5 toneladas ano, no que atinxe á emisión de CO2 á atmosfera.

A sinatura deste convenio constitúe un instrumento fundamental para poder desenvolver un conxunto de actividades en ámbitos esenciais para a Consellería de Economía e Industria, como son o das enerxías renovables, o uso racional da enerxía e o aforro enerxético.

Fonte:

Conselleria de Economia e Industria, Xunta de Galicia

Enviar esta noticia a un amigo

« Volver ao listado

 
ENERGYLAB, CENTRO TECNOLÓXICO DE EFICIENCIA E SUSTENTABILIDADE ENERxÉTICA
Edificio CITEXVI, Local 1 R/ Fonte das Abelleiras, s/n
Campus Universitario de Vigo 36310 Vigo
Tel. 986 120 450